Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa política de cookies, aquí. Se continúas navegando, estarás aceptándoa.
Política de cookies +

Voluntariado cultural e formación: curso de iniciación á arqueoloxía no Barbanza. Edición 2013

05/08/2013 - 30/08/2013

  Boiro (A Coruña)

Programa previo
Voluntariado cultural e formación: curso de iniciación á arqueoloxía no Barbanza (edición 2013)

Datos da Organización
Organiza: Concello de Boiro (Centro Arqueolóxico do Barbanza)

Coordina: GEPN (Grupo de Estudios para a Prehistoria do Noroeste da Universidade de Santiago de Compostela)
 
Promove: Concello de Boiro, Deputación da Coruña e Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado (Xunta de Galicia)
 
Colabora: Servizo de Participación e Integración Universitaria, Asociación de Amigos do Centro Arqueolóxico do Barbanza
 
Presentación
Este curso ten como obxectivo fundamental a realización de prácticas de arqueoloxía destinadas fundamentalmente a alumnos universitarios, conxugando as prácticas de campo titorizadas, co desenvolvemento de seminarios teóricos e actividades complementarias.
 
Programa
PRÁCTICAS DE CAMPO
Entre os días 5 e 21 de agosto (sesión de mañá).
O obxectivo principal das prácticas de campo é que os participantes desenvolvan as competencias, habilidades e capacitación a nivel básico para a realización de tarefas propias dunha escavación arqueolóxica, coñecendo as técnicas, procedementos e métodos. Familiarizándose coas técnicas de escavación, o uso de ferramentas, identificación e rexistro de unidades estratigráficas e tratamento previo da cultura material.
 
As prácticas de campo desenvolveranse fundamentalmente no complexo arqueolóxico dos castros de Neixón (Boiro, A Coruña), que se atopa emprazado en terreos de titularidade municipal. As labores de acondicionamento do enclave retómanse no ano 1996, momento a partires do cal se teñen levado a cabo distintas estratexias e iniciativas para abordar de forma integral a posta en valor e musealización da área arqueolóxica, con accións como a investigación, formación, divulgación e socialización do coñecemento.
 
O xacemento conta cunha longa traxectoria nas investigacións da Idade do Ferro do noroeste peninsular, e nos últimos anos téñense localizado evidencias de áreas de actividade entorno a segunda metade do III milenio.
 
Nesta edición, as investigacións centraranse no denominado sector 2, situado no interior do castro Grande de Neixón, onde se ten exhumado un probable obradoiro metalúrxico. As prácticas de escavación desenvolveranse neste espazo, xunto con labores de conservación preventiva e adecuación do denominado sector 1, onde se ten executaron escavacións sobre un dos foxos do castro, que permitiu coñecer as características do mesmo, á vez que resulta un elemento con enormes capacidades para a comprensión do sistema defensivo e delimitador do castro.
 
Entre os días 22 e 30 de agosto.
Completaranse as prácticas de campo ca realización de actividades de prospección nas ribeiras do río Barbanza no seu treito inicial. Procederase a un primeiro estudo (localización, delimitación e grafado) dunha serie de estruturas conservadas a nivel de cimentos, que aparentemente se concentran nas ribeiras do río Barbanza, aínda que non exclusivamente. A intención é proceder á realización dun inventario das mesmas, e valorar o seu interese patrimonial, polo que inicialmente se procederá a unha prospección extensiva do curso do río Barbanza e zonas próximas, principalmente aqueles espazos que se atopan dentro do ámbito de protección do conxunto tumular; e posteriormente, complementaríanse con outras accións encamiñadas a valorar a  a potencialidade arqueolóxica, a posible adscrición crono-cultural e a funcionalidade das mesmas.
 
SEMINARIOS
Entre os días 7 e 29 de agosto (sesión de tarde, Centro Cultural de Boiro).
Os seminarios teñen como obxectivo principal achegar aos participantes distintas realidades do ámbito da arqueoloxía dende unha perspectiva transversal, para o cal se vai a contar cun nutrido grupo docentes cun perfil moi diverso: dende profesores universitarios, especialistas en xestión patrimonial, investigadores, técnicos da administración, arqueólogos de xestión, xestores culturais, ... 
 
Os seminarios achegaranse dunha maneira sumaria a distintos ámbitos relacionados coa arqueoloxía, divididos en bloques temáticos, cada un dos cales está formado por distintas sesións; nas que se tratarán cuestións de índole teoría e metodoloxía; actualización de contidos; así como, e distintas problemáticas en materia arqueolóxica; e presentaranse algunhas interesantes e innovadoras no eido das saídas profesionais e laborais no ámbito cultural e patrimonial. 
 
Estas sesións están deseñadas para completar a propia formación e currícula académica, ao ter a posibilidade de coñecer da man de especialistas e profesionais distintas perspectivas profesionais e laborais que compartirán experiencias e poderanse articular reflexións e coloquios ao redor de cada unha das sesións.
 
Docentes convidados
v     Ramón Fábregas Valcarce (catedrático de Prehistoria, USC), Prehistoria recente na comarca do Barbanza
 
v     Alberto García (mediador cultural, Concello de Boiro), Economía produtiva e novos xacementos de emprego: a creatividade cultural como marco desenvolvemento.
 
v     Alfonso Fariña Costa (técnico en GIS, Instituto de Estudos do Territorio) A aplicación das novas tecnoloxías na arqueoloxía e na protección e divulgación do patrimonio
 

v      Javier Agrafoxo (Servizo de Voluntariado da USC -SEPIU) Voluntariado: marco conceptual e actuacións no ámbito da cultura.

v     Maria José Bóveda Fernández (arqueóloga, Gabinete de Arqueoloxía), A profesión de arqueólog@
 
v     Andrés Bonilla Rodríguez (arqueólogo, PyA Arqueólogos SLP), Planificar, organizar e xestionar unha intervención arqueolóxica. Tipos e deseños de intervención arqueolóxica
 
v     María Luísa Pérez Rodríguez  (arqueóloga, Servizo de Planeamento e Inventario, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural), Evolución na protección do patrimonio arqueolóxico, dende a protección do monumento ata a protección da paisaxe arqueolóxica.
 
v     Lino Gorgoso López (arqueólogo, Adro Arqueoloxía), Cerámica relativa versus poboados
 
v     Roberto Bartolomé Abraira (arqueólogo e investigador pre-doutoral, USC), Lucus Augusti: visión xeral dunha cidade romana a través dos datos arqueolóxicos
 
v     Enrique J. Alcorta Irastorza (arqueólogo, Museo provincial de Lugo), Lucus Augusti: del fragmento a la investigación cerámica
 
v     José David Sacristán de Lama (arqueólogo, Consejería de Cultura y Turismo de Castilla y León), Urbanismo vacceo. Ciudades-estado de la Edad del Hierro en la cuencia media del Duero 
 
v     Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. A organización administrativa da arqueoloxía en Galicia
 
v     Andrés Teira Brión (arqueólogo e investigador pre-doutoral, GEPN-USC), Terra, metal e sementes. A agricultura na cultura castrexa
 

v   Gonzalo Buceta Bruneti (conservador e restaurador de bens culturais).  Conservación de yacimientos castreños: riesgos, tratamientos y materiales. 

 

v    Olalla López Costas (antropóloga física, investigadora postdoutoral, Universidade de Santiago de Compostela). Antropoloxía física para arqueólogos: cómo escavar e estudar unha necrópole

 

v  Rebeca Tallón Armada (edafóloga especialista en contextos arqueolóxicos, investigadora pre-doutoral, Universidade de Santiago de Compostela), Ciencias da Terra e arqueoloxía: os solos como arquivos paleoambientais

 

v     Víctor J. Barbeito Pose (arqueólogo, Centro Arqueolóxico do Barbanza), Diagnose do patrimonio arqueolóxico na comarca de Arousa-Norte

 
 
ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS
Días 5, 6, 12, 14 de agosto (sesión de tarde)
As actividades complementarias teñen como obxectivo principal interactuar entre os participantes nun contexto a medio camiño entre unha actividade lúdica e formativa, ofrecendo un abano de posibilidades que van dende o realización de obradoiros (caza e lume) ata a visitas a elementos de interese patrimonial e cultural na comarca do Barbanza (ruta das mámoas, visita aos petróglifos de Porto do Son, minas de San Fins, visita ao Pazo de Goiáns, ...) 
 
 
Pre-inscrición e matrícula
O colectivo para o cal está destinado este curso é fundamentalmente alumnado universitario, de graos de historia, humanidades ou graos afíns. A orientación do curso, en canto a contidos e esixencias, está indicado para contribuír á formación de estudantes de grao, admitíndose excepcionalmente e en casos xustificados, outros alumnos cuxa situación particular así o aconselle.
           
Ofértanse un total de 15 prazas, distribuídas nunha única quenda, que terá lugar entre os días 5 e 30 de agosto de agosto (xornadas de luns a venres).
 
Establécense dúas modalidades de matrícula: R e L
Modalidade R: está modalidade é preferente, e está destinado a aqueles alumnos que poidan acreditar algunha das seguintes circunstancias:
v     a colaboración en actividades do GEPN,
v     haber participado en anteriores campañas de escavación no complexo arqueolóxico do Neixón,
v     asistir a algunha das edicións do programa Encontros Arqueolóxicos do Barbanza
Modalidade L: as prazas destinadas a esta modalidade serán adxudicadas segundo os seguintes criterios de selección:
-          orde de inscrición
-          actividades arqueolóxicas previas
-          exp. académico
 
A entidade organizadora reservase o dereito de solicitar á persoa interesada a documentación acreditativa dos datos indicados no proceso de pre-inscrición. Terán preferencia aquelas persoas que poidan asistir a todo o programa sobre aquelas outras que teñan incompatibilidades horarias.
 
Establecerase unha lista de agarda para cubrir posibles renuncias.

A preinscrición debe facerse por algún dos seguintes medios:
- a través da plataforma: www.centroarqueoloxicodobarbanza.org (sección Eventos), cubrindo formulario. No apartado de observacións, debe facerse constar o curso no que se atopa matriculado, facultade e universidade.
-remitir mediante correo electrónico a info@centroarqueoloxicodobarbanza.org, indicando nome, apelidos, DNI, dirección postal, tfno contacto e modalidade de inscrición. No apartado de observacións, debe facerse constar o curso no que se atopa matriculado, facultade e universidade.
-por tfno ou fax, facilitando o nome, apelidos, DNI, dirección postal i electrónica, tfno contacto e modalidade de inscrición. Ademais, debe facerse constar o curso no que se atopa matriculado, facultade e universidade.
Unha vez confirmada a preinscrición pola secretaría do curso, indicaranse as directrices para realizar a matrícula e aboar as taxas correspondentes. 
 
As taxas da matriculación son as seguintes:
Modalidade R: 50,00 euros (antes do 1 de maio) / 150,00 euros (dende 1 maio ata 15 de xullo)*.
Modalidade L: 150,00 euros (antes do 1 de maio) / 450,00 euros (dende 1 de maio ata 15 de xullo)*.
*Os prazos de 1 de maio ó 15 de xullo só se habilitarán en caso de existir dispoñibilidade de prazas.
 
O aloxamento e manutención (almorzo, comida e cea) realizarase no albergue xuvenil de Espiñeira (Boiro) por xentileza da Dirección Xeral de Xuventude de Voluntariado (Pendente de confirmación).
Os participantes no curso estarán cubertos mediante a póliza de seguro de responsabilidade civil. 
A organización reservase o dereito de mudar, anular ou reformular o programa sen menoscabo dos intereses xerais dos matriculados.
Facilitaranse os medios técnicos e ferramentas, agás roupa e calzado, para o desenvolvemento dos diversos traballos encomendados.
Unha vez rematada a actividade, e previa solicitude, emitirase un certificado onde se faga constar a participación do alumno/a no curso de iniciación á arqueoloxía do Barbanza (edición 2013) polo total de horas prácticas e teóricas (estimación de curso superior as 100 h).
O desprazamento entre o albergue e o Centro Social de Boiro (1,7 km) farase por conta propia.
De acordo co disposto na lei orgánica de Protección de Datos 15/1999, infórmase que os datos que figuren no formulario de inscrición pasarán a formar parte dun arquivo Centro Arqueolóxico do Barbanza, co fin xestionar os datos para a organización e desenvolvemento dos programas da propia institución. En todo caso recoñécese o dereito de acceso, rectificación, cancelación ou oposición que se poderá exercitar ante o Centro Arqueolóxico do Barbanza (Concello de Boiro). Lugar de Neixón, s/n. 15991 Cespón (Boiro, A Coruña).

Síguenos nas redes...