Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa política de cookies, aquí. Se continúas navegando, estarás aceptándoa.
Política de cookies +

Curso de arqueoloxía práctica do Barbanza, edición 2016

01/08/2016 - 26/08/2016

10:00-13:30; 15:30-19:00

  Barbanza

Programa previo

Curso arqueoloxía práctica no Barbanza (edición 2016)

Datos da Organización
Organiza: Concello de Boiro (Centro Arqueolóxico do Barbanza)
Coordina: GEPN (Grupo de Estudios para a Prehistoria do Noroeste da Universidade de Santiago de Compostela)
Promove: Concello de Boiro, Deputación da Coruña e Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado (Xunta de Galicia)
Colabora: Servizo de Participación e Integración Universitaria, Asociación de Amigos do Centro Arqueolóxico do Barbanza

 

Presentación
O obxectivo principal das prácticas de campo é que os participantes desenvolvan as competencias, habilidades e capacitación a nivel básico para a realización de tarefas propias dunha escavación arqueolóxica, coñecendo as técnicas, procedementos e métodos. Familiarizándose coas técnicas de escavación, o uso de ferramentas, identificación e rexistro de unidades estratigráficas e tratamento previo da cultura material.

Programa

PRIMEIRA QUENDA 
Entre os días 1 e 12 de agosto desenvolverase a primeira quenda no xacemento arqueolóxico de Río Barbanza, xacemento que se atopa ao carón do río homónimo, en plena chans do Iroite (Serra do Barbanza). O xacemento arqueolóxico de Río Barbanza foi obxecto dunha pequena intervención no ano 2013 e 2014 detectándose unha construción de planta rectangular cunha finalidade gandeiro/pastoril.  Dende un punto de vista cronolóxico, Río Barbanza presenta máis dunha ocupación, detectándose un palimpsesto estrutural, cunha ocupación do século IX a.C., outra do entorno do século II/I a.C. e outra altomedieval (circa s. VIII-X d.C.). Nesta nova intervención ampliarase a escavación e delimitarase parte das estruturas que forman o xacemento.

 

SEGUNDA QUENDA
Entre os días 15 e 26 de agosto, realizaranse traballos de excavación arqueolóxica nos castros de Neixón (Boiro, A Coruña), que se atopa emprazado en terreos de titularidade municipal. As labores de acondicionamento do enclave retómanse no ano 1996, momento a partires do cal se teñen levado a cabo distintas estratexias e iniciativas para abordar de forma integral a posta en valor e musealización da área arqueolóxica, con accións como a investigación, formación, divulgación e socialización do coñecemento.

O xacemento conta cunha longa traxectoria nas investigacións da Idade do Ferro do noroeste peninsular, e nos últimos anos téñense localizado evidencias de áreas de actividade entorno a segunda metade do III milenio.

 

Nesta edición, as investigacións centraranse no denominado sector 2, situado no interior do castro Grande de Neixón, onde se ten exhumado un probable obradoiro metalúrxico. As prácticas de escavación desenvolveranse neste espazo, máis a apertura de dúas sondaxes nun dos foxos existentes para coñecelas características do mesmo, á vez que resulta un elemento con enormes capacidades para a comprensión do sistema defensivo e delimitador do castro.
 
Pre-inscrición e matrícula
O colectivo para o cal está destinado este curso é fundamentalmente alumnado universitario, de graos de arqueoloxía, historia, humanidades ou graos afíns. A orientación do curso, en canto a contidos e esixencias, está indicado para contribuír á formación de estudantes de grao, admitíndose excepcionalmente e en casos xustificados, outros alumnos cuxa situación particular así o aconselle.

Ofértanse un total de 12 prazas, distribuídas en dúas quendas, que terá lugar entre os días 1 a 12 de agosto, e 15 a 26 de agosto de agosto (xornadas de luns a venres en sesión de mañá e tarde, e o sábado só pola mañá). O prazo de pre-inscrición remata o 1 de xuño.

Establécese unha única modalidade de matrícula.

Terán preferencian aqueles alumnos que poidan acreditar algunha das seguintes circunstancias:

- a colaboración en actividades do GEPN,

-haber participado en anteriores campañas de escavación promovidas polas entidades convocantes deste curso,

- haber asistido a algunha das edicións do programa Encontros Arqueolóxicos do Barbanza.


Teranse en conta ademais os seguintes criterios de selección:

- orde de inscrición

- actividades arqueolóxicas previas

- exp. académico 

A entidade organizadora reservase o dereito de solicitar á persoa interesada a documentación acreditativa dos datos indicados no proceso de pre-inscrición. 

Terán preferencia aquelas persoas que poidan asistir a todo o programa sobre aquelas outras que teñan incompatibilidades horarias.
Establecerase unha lista de agarda para cubrir posibles renuncias.

A preinscrición debe facerse por algún dos seguintes medios:
- a través da plataforma: www.centroarqueoloxicodobarbanza.org (sección Eventos), cubrindo formulario. No apartado de observacións, debe facerse constar o curso no que se atopa matriculado, facultade e universidade e indicando a quenda na que está interesad@, máis a experiencia previa.

-remitir mediante correo electrónico a info@centroarqueoloxicodobarbanza.org, indicando nome, apelidos, DNI, dirección postal, tfno contacto e modalidade de inscrición. No apartado de observacións, debe facerse constar o curso no que se atopa matriculado, facultade e universidade.e indicando a quenda na que está interesad@, máis a experiencia previa.

Unha vez confirmada a preinscrición pola secretaría do curso, indicaranse as directrices para realizar a matrícula e aboar as taxas correspondentes. 

O importe da matrícula son 80 euros.

O aloxamento e manutención (almorzo, comida e cea) realizarase no albergue xuvenil de Espiñeira (Boiro) por xentileza da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia (Pendente de confirmación).

Os participantes no curso estarán cubertos mediante a póliza de seguro de accidentes.

A organización reservase o dereito de mudar, anular ou reformular o programa sen menoscabo dos intereses xerais dos matriculados.

Facilitaranse os medios técnicos e ferramentas, agás roupa e calzado, para o desenvolvemento dos diversos traballos encomendados.

Unha vez rematada a actividade, e previa solicitude, emitirase un certificado onde se faga constar a participación do alumno/a no curso de arqueoloxía no Barbanza (edición 2016) polo total de horas prácticas (estimación de curso 80 h).

De acordo co disposto na lei orgánica de Protección de Datos 15/1999, infórmase que os datos que figuren no formulario de inscrición pasarán a formar parte dun arquivo Centro Arqueolóxico do Barbanza, co fin xestionar os datos para a organización e desenvolvemento dos programas da propia institución. En todo caso recoñécese o dereito de acceso, rectificación, cancelación ou oposición que se poderá exercitar ante o Centro Arqueolóxico do Barbanza (Concello de Boiro). Lugar de Neixón, s/n. 15991 Cespón (Boiro, A Coruña).

Síguenos nas redes...